lunes, 27 de junio de 2011

O CLUB ESCENIFICA

Os alumnos do primeiro ciclo de ESO presentaron ao resto dos compañeiros catro dos libros que leran durante o curso. Para levar a cabo esta actividade optouse por distintas modalidades:
Para presentar Relato de un náufrago simularon un programa televisivo “Encuentros con un autor”. Unha moderadora facía a presentación dos participantes: García Márquez, o náufrago Luis Alejandro Velasco e o  aldeán que o atopou na praia. O propio Garcia Márquez era o que entrevistaba aos outros personaxes.


Cos lectores de Los viajes de Gulliver puidemos viaxar a Liliput, ao país dos xigantes, a Laputa e o país dos cabalos. Guiáronnos a través dunha selección de lecturas e das ilustracións que eles mesmos fixeron.

Para presentar Veinte mil leguas de viaje submarino os integrantes do grupo de lectura “Los corsarios del libro”, despois de contar algúns datos sobre o autor e a súa obra, fixeron unha simpática dramatización das aventuras vividas na illa de Gueboroar, a parte do libro que máis lles gustou:


Por último, o Club de lectura “Odisea”  presentou La vida sobre ruedas. Simularon unha reunión do club na que opinaban sobre a novela na que, con naturalidade,  ían dando datos sobre o autor, facían comparacións entre as vivencias de Delibes e as que lles contaran algúns dos seus familiares; falaban das afeccións deportivas do escritor e das súas propias; lían os fragmentos pertinentes…

E, para rematar,  proxectamos un video da viaxe a Mondoñedo no que os participantes, arredor da escultura de Cunqueiro, cantamos o seu poema “No niño novo do vento”

Bo verán a todos e seguide lendo moito.