CHARLA CON EMILIO PASCUAL:
PERSONAXE, PAISAXE E PAIXÓN
O día 23 de novembro tivemos a sorte de asistir cos alumnos do Club de lectura de 3º de ESO á charla co escritor Emilio Pascual, do que previamente lemos a obra Días de Reyes Magos.
O encontro tivo lugar no centro de ensino IES Otero Pedrayo e compartimos tan animada e interesante xornada cos alumnos deste centro que tamén leron a obra.
Emilio Pascual chamounos a atención pola paixón que imprimiu ás súas palabras. Nada soaba igual se el as pronunciaba.
De seguida soubo atraparnos coa emoción dos seus coñecementos de mitoloxía e literatura. Esa erudición vese reflectida na novela que lemos, xa que nela abundan as referencias e choscadelas ó lector sobre outras obras: clásicas, grecolatinas, renacentistas como El Lazarillo, El Quijote...
As citas literarias parecen filtrarse entre liñas, o que fai que a obra adquira unha dimensión que vai máis alá da anécdota narrada.
As preguntas dos alumnos foron moitas e interesantes: " En que te inspiraches?, cal é o teu libro favorito dos que se citan na novela? por qué elexiches este tema?, sénteste identificado con algún personaxe, por qué ese final?"
A medida que nos respondía, iamos descubrindo o profundo significado da obra, que se podería resumir no amor infinito dun pai por un fillo, e como aquel adopta a personalidade dun cego para salvar a Uli da súa complicada adolescencia.
A vida como escenario ou teatro é a paisaxe desta historia, pero sen deixar de lado a paixón e os personaxes. Así definiu Emilio Pascual o que é unha narración: paixón, paisaxe e personaxe.
Toda unha lección sobre a literatura e a emoción de crear para compartilo cos lectores, porque "un libro só é unha cousa entre cousas mentres non é lido".
No hay comentarios:
Publicar un comentario