O pasado 1 de decembro o alumnado que participa no club de lectura acompañado de
dúas docentes realizaron un roteiro literario pola cidade d´A Coruña.
Iniciouse
o roteiro na RAG, alí os alumnos e alumnas visitaron as estancias que no seu
momento pertenceron á familia Pardo Bazán e que hoxe en día atesoura unha parte
do legado da coñecida e insigne escritora, Emilia Pardo Bazán.
Para a súa
sorpresa, a dos alumnos, guiounos nesta visita unha profesora británica que está
realizando a súa tese sobre mulleres literatas. O obradoiro en que participou o
alumnado centrouse na figura de Emilia Pardo Bazán, mais tamén en Virginia
Woolf. O alumnado descubriu as
diferenzas e similitudes da sociedade en que vivían ambas escritoras así como a
interpretación que desta sociedade facía cada unha delas, coñeceron tamén os
temas tratados nas súas obra, etc.. A experiencia foi moi interesante e
enriquecedora.
Ademais, foi esta unha actividade trilingüe, o castelán e o
inglés foron as linguas empregadas pola guía para realizar o obradoiro, linguas
tamén empregadas polas autoras nas súas obras; foi o galego a lingua en que
varios dos participantes realizaron as súas actividades.
Ao rematar a visita á
Casa Museo/ Real Academia Galega, o roteiro recalou no Xardín de San Carlos para
seguir camiño cara á Casa de Rosalía de Castro, edificio do século XVIII onde
Rosalía de Castro e M. Murguía residiron un ano. Descubrimos tamén que ao carón
da Casa de Rosalía se ubica a finca na que viviu Francisca Herrera, primeira
muller académica da RAG.
Continuamos polo Paseo Marítimo cara á escultura de
Isabel Zendal, coñecida por todo o alumnado que leu Os nenos da variola de María
Solar. No Paseo Marítimo tamén se comentou un acontecemento que aparece no libro
de Manuel Rivas Os libros arden mal, nel recréase un episodio ocorrido na
Dársena coruñesa no ano 1936, a queima de libros.
O roteiro continuou camiño
cara ao monumento sufragado polo pobo coruñés para homenaxear ao poeta Manuel
Curros Enríquez e deseñado polo escultor Asorey. Ao pé do monumento uns alumnos
leron unhas estrofas da composición titulada “Ao pobo cruñés” lida por Curros
no Teatro Rosalía de Castro (daquela Teatro Principal) na homenaxe recibida no
ano 1904.
No hay comentarios:
Publicar un comentario