domingo, 28 de abril de 2019

Roteiro literario dos nosos alumnos do Club de lectura á Illa de San Simón e Vigo

O día 25 de abril, desafiando a climatoloxía adversa, entre vento e chuvias fortes, os alumnos do Club de lectura do IES Monelos dirixíronse en barco cara á Illa de San Simón.
A travesía pola ría  foi tranquila á ida e arribamos a terra en media hora dende o porto de Vigo.
Alí nos agardaba a guía que, moi amable,  explicounos  moitísimas cousas interesantes sobre esta illa que hoxe forma parte da red Natura.

Soubemos así que a Illa de San Simón foi residencia de varias ordes relixiosas, entre elas os Templarios. Foi unha illa saqueada en moitas ocasións.
No ano 1702 tivo lugar alí a famosa Batalla de Rande, na que os galeóns españois loitaron cos barcos de Inglaterra e Holanda, quedando vencidos. Os seus tesouros desapareceron, non se sabe si no fondo das augas ou nas mans dos inimigos.
Convertiuse no século XIX nun lazareto marítimo. A guía explicounos que un lazareto é un lugar onde se recibe aos enfermos contaxiados de epidemias moi graves, a fin de evitar que estas se extendan  ao resto dos países. Este lazareto tamén servía para que os viaxeiros dos barcos pasasen a corentena antes de dirixirse a Europa.
No período inmediatamente anterior á Guerra civil española e despois dela foi cárcere para os presos políticos, os perseguidos pola súa ideoloxía. As condicións de vida alí para eles foron moi duras.
Finalmente, hoxe e un ben protexido que serviu e sirve de inspiración a moitos escritores, como o célebre Xulio Verne, ao que se lle adicou unha escultura moi preto da illa.

Os alumnos disfrutaron da travesía no mar, do entorno natural da illa, da visita ao Museo da Batalla de Rande e os paseos pola cidade olívica.
Foi unha xornada de chuvia e ceo gris pero en todos nós ficou a pegada dunha paisaxe inesquecíble fundida coa literatura e a historia.