domingo, 12 de diciembre de 2021

Roteiro literario pola Coruña e visita á Casa-Museo Emilia Pardo Bazán (sede da RAG)

 
        O pasado 1 de decembro o alumnado que participa no club de lectura acompañado de dúas docentes realizaron un roteiro literario pola cidade d´A Coruña.  
        Iniciouse o roteiro na RAG, alí os alumnos e alumnas visitaron as estancias que no seu momento pertenceron á familia Pardo Bazán e que hoxe en día atesoura unha parte do legado da coñecida e insigne escritora, Emilia Pardo Bazán. 
         Para a súa sorpresa, a dos alumnos, guiounos nesta visita unha profesora británica que está realizando a súa tese sobre mulleres literatas. O obradoiro en que participou o alumnado centrouse na figura de Emilia Pardo Bazán, mais tamén en Virginia Woolf. O alumnado descubriu as diferenzas e similitudes da sociedade en que vivían ambas escritoras así como a interpretación que desta sociedade facía cada unha delas, coñeceron tamén os temas tratados nas súas obra, etc.. A experiencia foi moi interesante e enriquecedora.  
        Ademais, foi esta unha actividade trilingüe, o castelán e o inglés foron as linguas empregadas pola guía para realizar o obradoiro, linguas tamén empregadas polas autoras nas súas obras; foi o galego a lingua en que varios dos participantes realizaron as súas actividades. 
        Ao rematar a visita á Casa Museo/ Real Academia Galega, o roteiro recalou no Xardín de San Carlos para seguir camiño cara á Casa de Rosalía de Castro, edificio do século XVIII onde Rosalía de Castro e M. Murguía residiron un ano. Descubrimos tamén que ao carón da Casa de Rosalía se ubica a finca na que viviu Francisca Herrera, primeira muller académica da RAG. 
        Continuamos polo Paseo Marítimo cara á escultura de Isabel Zendal, coñecida por todo o alumnado que leu Os nenos da variola de María Solar. No Paseo Marítimo tamén se comentou un acontecemento que aparece no libro de Manuel Rivas Os libros arden mal, nel recréase un episodio ocorrido na Dársena coruñesa no ano 1936, a queima de libros. 
        O roteiro continuou camiño cara ao monumento sufragado polo pobo coruñés para homenaxear ao poeta Manuel Curros Enríquez e deseñado polo escultor Asorey. Ao pé do monumento uns alumnos leron unhas estrofas da composición titulada  “Ao pobo cruñés” lida por Curros no Teatro Rosalía de Castro (daquela Teatro Principal) na homenaxe recibida no ano 1904.