
A elección da Bretaña como espazo narrativo por Cunqueiro
non foi allea ao celtismo profesado
por tantos intelectuais galegos. Hai que poñela en relación, logo, con As cruces de pedra na Bretaña (1930) de
Castelao, varios contos de El pálido visitante (1960) de X-Mª Castroviejo ou Bretaña, Esmeraldina (1987)
de X. L. Méndez Ferrín no desenvolvemento dunha nova materia de Bretaña.
En As crónicas do
sochantre, Cunqueiro mantén algúns dos trazos característicos do seu
universo narrativo (humor, fantasía), aínda que non parta nesta ocasión dun
xogo intertextual cun mito literario concreto, como en Merlín e familia, Si o vello
Sinbad volvese ás illas, Un hombre
que se parecía a Orestes, Las
mocedades de Ulises… Rexeita a tradición da novela realista decimonónica e
adopta procedementos estruturais da novela primitiva como a viaxe o simposio: “pois temos por costume pasar estas noites que andamos en
hoste contando as nosas hisitorias.” A ambientación das aventuras do sochantre
Charles Anne Guenolè Mathieu de Crozon en plena Revolución Francesa, “dende o
ano mil setecentos noventa e tres a mil setecentos noventa e sete”, dálle pé ao
autor a incorporar accións dos chouans contrarrevolucionarios,
a guillotina… no tour por terras
bretoas nunha carroza con seis defuntos. De regreso na súa casa de Pontivy, o
sochantre parece asumir con humor a nova identidade republicana do personaxe
que fixera de dobre del, pois “asubiaba a Camañola afeitándose”.
Deixámosvos este video realizado polo GRIAL (Grupo de Intervención Audiovisual e Literaria) da
Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo:
No hay comentarios:
Publicar un comentario